Thursday 02 de May de 2024

A Xunta participa no I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia que ten como obxectivo analizar a posición de Galicia no mundo


O Congreso pretende ser unha plataforma de diálogo sobre temas internacionais e pretende contribuír a conformar a futura axenda internacional de Galicia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns participaron no I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, organizado polo IGADI, onde Blanca García-Señoráns destacou a importancia da participación nestas Xornadas co fin de ter un mellor coñecemento sobre as oportunidades, os desafíos e as ferramentas que permitan consolidar a posición de Galicia no mundo.

A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, no acto de inauguración, resaltou que o goberno galego apoia este tipo de iniciativas que teñen como propósito difundir a vocación universal de Galicia, e nese sentido está en sintonía co IGADI, dando mostras do seu interese por este obxectivo e axuntando esforzos para lograr alcanzalo.

O maior peso de Galicia na UE, a particular relación con Portugal, o incremento da presenza da Xunta nos países iberoamericanos, o aproveitamento da lingua galega como vehículo de interrelacións ou a estratexia económica da Xunta que ven tendo un incremento histórico respecto ás exportacións nos últimos anos e que continua crecendo no presente ano, son algúns dos logros conseguidos grazas á labor de inserción internacional de Galicia.

Para rematar, a titular de Relacións Institucionais e Parlamentarias quixo destacar o traballo da Xunta que dende o 1997 impulsa a acción exterior de Galicia, e que ten promovido importantes esforzos de reflexión e sistematización da nosa conduta e proceder exterior. Ditos empeños se ven reflectidos en estratexias recollidas no Libro Branco da Acción Exterior de Galicia no 2004, nas Bases para unha Estratexia de Acción Exterior de Galicia no 2007, nas prioridades de Actuación da Acción Exterior de Galicia, aprobadas en 2010; e recentemente no Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da comunidade.

Galicia, unha autonomía no mundo
Acto seguido, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo participou na primeira sesión do Congreso, titulada Galicia, unha autonomía no mundo no cal defendeu que Galicia ten personalidade xuridicamente garantida pola Constitución española e polo Estatuto de Autonomía que lle permite proxectarse no eido exterior como ferramenta de promoción institucional, socioeconómica e cultural.

Gamallo fixo fincapé no labor de Galicia en Bruxelas, a través da dúa participación activa no Comité das Rexións. Tamén se referiu ao novo marco xurídico propiciado polas leis 2/2014 da Acción Exterior e do Servizo Exterior do Estado, e a 25/2014 de Tratados e outros Acordos Internacionais que abriu novas oportunidades de crecemento e mellora da proxección e intervención de Galicia no exterior e que propiciou a entrada en vigor do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, de Acción Exterior de Galicia ao que tamén fixo referencia, anteriormente, Blanca García-Señoráns na inauguración. O director tamén se referiu á Estratexia galega de Acción Exterior Horizonte post 2020 (EGAEX), na que a Xunta de Galicia está a traballar na actualidade.

Finalmente, o director xeral referiuse á necesidade de poñer a acción exterior ao servizo do instrumento estratéxico da nosa Comunidade Autónoma cara ao futuro, definido polo Plan Estratéxico Galicia 2015-2020, que aspira a gañar polo menos oito puntos adicionais de converxencia respecto do conxunto da Unión Europea. Este obxectivo macroeconómico requirirá fixar co meirande consenso posible unha estratexia macroeconómica exterior que nos permita encarar a globalización con maior optimismo así como a captación de capital do exterior para investir en Galicia, que debe ser unha prioridade transversal, sobre todo considerando a acelerada senescencia da nosa sociedade e a súa influencia nos hábitos de consumo e investimento.